Friday 03 de May de 2024

A Consellería de Política Social convoca nas sete cidades galegas a II edición do Curso de Dirección e Xestión de Proxectos de Participación Xuvenil


O curso ten unha duración de 50 horas con clases teóricas e prácticas

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convoca a segunda edición do Curso de Dirección e Xestión de Proxectos de Participación Xuvenil que se desenvolverá simultaneamente durante os meses de maio e xuño nas sete principais cidades galegas: Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.

O número de participantes está limitado a 15 persoas en cada unha das sedes co fin de favorecer unha atención máis personalizada. O período de inscrición comeza hoxe e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición seguindo as instrucións na páxina https://xuventude.xunta.es.

O curso ten unha duración de 50 horas das cales 20 son teóricas con clases presenciais e 30 corresponden a clases prácticas onde os alumnos e alumnas terán que enfrontarse á redacción de dous proxectos de participación xuvenil: un no ámbito da educación non forma e outro no eido do voluntariado.

Esta acción formativa está dirixida a traballadores e xestores do ámbito da xuventude, profesores, directivos de entidades xuvenís e de acción voluntaria, e estudantes universitarios. Os contidos impartiranse cunha metodoloxía participativa e dinámica, co fin de formar aos inscritos en competencias claves nestes ámbitos.

Deste xeito, o obxectivo final é o de dotar aos participantes de recursos, ferramentas e materiais necesarios para impulsar a aprendizaxe non formal dende as súas organizacións. De feito, o propio programa xurdiu da demanda existente para mellorar a calidade dos proxectos de participación xuvenil, tendo en conta a crecente oferta no marco da educación non formal e de participación da mocidade, elementos que cada vez contan con máis peso no currículo.